9DE MAIO. O DIA NO QUE INAUGURAMOS A PRAZA DA CORAL DE RUADA.

Placa Praza Coral de Ruada

A Coral de Ruada anda de celebración neste 2019. E razón non lles falta aos da formación musical ourensá, xa que cen anos non se cumpren todos os días. Dende que se botou a andar o programa de conmemoracións, coa descuberta dunha placa en Villa Joaquina -onde se celebrou a xuntanza fundacional da entidade- levan sido varias as citas festivas vencelladas co centenario. 

Mais quedaba unha das propostas sobranceiras do programa: a homenaxe da cidade á Coral de Ruada. O Concello de Ourense hai tempo que promoveu o expediente de honores -ao que se sumaron máis de 1.800 persoas, colectivos e institucións- e no salón de plenos procedeuse a facer entrega do recoñecemento á formación. Unha vez rematado o acto do Concello autoridades, coralistas, amigos e veciños da cidade desprazáronse ata a Avenida de Bos Aires para participar na descuberta da placa que dá o nome de Coral de Ruada á praza ubicada entre as rúas Avenida de Bos Aires e Xoán de Nóvoa.