A Coral de Ruada convoca a décima edición do PREMIO XABIER PRADO LAMEIRO, e fai públicas as bases do mesmo.
BASES
- A Coral De Ruada organiza e patrocina o Premio Xabier Prado “Lameiro”, de periodicidade anual, coa colaboración do Concello de Ourense.
- Con este premio preténdese premiar, de xeito simbólico, o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folclore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas.
- O Premio «Xabier Prado “Lameiro”, de periodicidade anual, terá carácter de recoñecemento público e, polo tanto, materializarase nun elemento simbólico entregado á persoa ou colectivo premiado. Non leva engadido, por tanto, ningún beneficio económico. O premio consistirá nunha peza artística elaborada por un creador ou creadora de Galicia.
- Calquera persoa -coralista ou non-, entidade ou colectivo poderá facer chegar á Xunta de Goberno da Coral De Ruada, mediante correo electrónico (info@coralderuada.com) ou correo ordinario (Coral De Ruada; Rúa da Paz, 9; 32005 Ourense), propostas de candidaturas para cada edición do premio, xuntando, con cada unha, memoria na que se detallen os méritos da persoa ou colectivo que se propoñen como candidatos ao Premio. A Xunta de Goberno da Coral De Ruada comprométese a facerlles chegar aos membros do xurado elixido cada ano toda a documentación recibida.
- O prazo para a recepción de solicitudes abrangue dende o 22 de abril até o 14 de setembro de 2019, ámbolos dous inclusive.
- O acto de entrega do premio, que se anunciará do modo máis axeitado, farase preferentemente arredor do 5 de outubro de cada ano -aniversario da reunión fundacional do Coro De Ruadaque tivo lugar na “Villa Joaquina” da avenida de Zamora, na capital ourensá- e como homenaxe aos seus fundadores na figura de «Xabier Prado “Lameiro”.
- Serán os membros do xurado, seleccionado para cada convocatoria pola Xunta de Goberno da Coral De Ruada, os encargados de propoñeren e votaren as candidaturas e decidiren con total soberanía a persoa, entidade ou colectivo merecente do galardón.
- O xurado estará constituído do xeito seguinte: o presidente e un secretario -con voz e sen voto, neste segundo caso- designados pola Xunta de Goberno da Coral De Ruada de entre os seus membros, e catro vogais designados pola Xunta de Goberno da Coral De Ruada.
- A Xunta de Goberno da Coral De Ruada, que actuará como organizadora deste Premio, comprométese a respectar e cumprir as decisións do xurado.
- As bases do premio publicaranse nun apartado específico da páxina web da Coral De Ruada(www.coralderuada.org).