
Hoxe é un día moi triste para a CORAL DE RUADA porque nos deixou o noso querido Chaparro.
O GRAN CHAPARRO
Xerardo Gómez Gómez Chaparro ingresou na CORAL DE RUADA no ano 1957 e permaneceu nela mentres a saúde llo permitiu, converténdose no coralista que máis tempo permaneceu en activo en DE RUADA en toda a súa centenaria historia.
Iniciouse moi cedo no canto nas filas do Orfeón e no Liceo de Arte. Na CORAL cantou na corda de tenores primeiros, sendo tenor solista en innumerables ocasións, como se pode comprobar na nosa discografía. Tamén cantou no “Trío lírico do Liceo”, na compaña de Teté Torre e de Pepe Vide. En DE RUADA desempeñou cargos directivos durante moitos anos, ocupando os postos de secretario xeral e vicepresidente segundo, cargo que ocupaba na actualidade. Era ademais, a memoria viva da CORAL. Dotado dunha memoria prodixiosa, ofrecía gran cantidade de datos e anécdotas aos que tratamos de escribir a historia de DE RUADA. Moitas destas anécdotas deixounas plasmadas no apartado “Anecdotario da Coral” da nosa revista.
Pero se hai algo no que Chaparro destacou, por enriba doutras consideracións, foi no seu amor e a súa fidelidade a DE RUADA. Vou contar, a propósito disto, un par de anécdotas: o pai de Chaparro foi enterrado o 24 de decembro de 1999 e o día 26 Chaparro participou, facendo de solista nalgunhas cantigas, no Concerto de Nadal da CORAL DE RUADA na Catedral de Ourense; en 2006 tivo que ser sometido a un tratamento de quimioterapia como consecuencia dun cancro linfático e, ao día seguinte da primeira sesión, cantou o “Romance de Cerdedo” coa CORAL, facendo de solista, nun acto celebrado do Centro Cultural da Deputación.
É comprensible que, con todos antecedentes, Chaparro estivese en posesión do título de Coralista de Honra da CORAL DE RUADA, coa insignia de ouro da institución. Ademais, a Real Academia Galega de Belas Artes concedeulle, xa hai anos, a Medalla Marcial del Adalid. En DE RUADA tiñamos previsto concederlle, no próximo Concerto dos Amigos o día 27 de próximo mes, unha placa con motivo do Centenario da CORAL, pero xa non chegaremos a tempo.
O pasado sábado visiteino para comunicarlle que, por fin, tiñamos unha praza da nosa cidade dedicada á CORAL. Case non me puido contestar, pero, cos ollos vidrosos, apertoume a man. Foi, sen sabelo, a nosa despedida.
Ata sempre, compañeiro e amigo, na seguridade de que nos seguirás escoitando dende o alén. Unha forte aperta de toda a familia ruadista a Hortensia, a súa dona, e ás súas fillas e demais familia.
Asdo.: Emilio Rodríguez Portabales
-Vicepresidente primeiro da Coral De Ruada-