A Coral de Ruada está a desenvolver un amplo programa de actividades para celebrar o seu centenario. Xa se teñen realizado diferentes iniciativas vencelladas coa efeméride e para este próximo venres está previsto un concerto no Auditorio. A cita non será unha actuación máis da histórica masa coral ourensá. O «concerto entre amigos» contará coa presenza de grupos cos que a Coral de Ruada ten colaborado ou que promoveron iniciativas ou proxectos nos que se materializou a participación dos ourensáns. Para a cita do venres, actividade organizada polo Concello de Ourense e De Ruada, contarase coa participación de agrupacións de música tradicional tan senlleiras como Rebulir, Gomes Mouro, Os Meliados, Treixadura e Luar na Lubre. A fornación liderada por Bieito Romero quixo sumarse a esta celebración da coral, agrupación que participou no traballo de Luar na Lubre editado o pasado ano e gravado na Ribeira Sacra.