Este CD-DVD que presentaremos o próximo día 24 é un caso insólito dentro da ampla discografía da Coral De Ruada porque, por primeira vez na súa longa historia, grava temas con colaboracións dos máis relevantes artistas do panorama da música folk galega e mesmo de fóra de Galicia. A nómina de artistas é colaboradores é ampla: Cristina Pato, Irma Fernández Alonso, Gomes Mouro, Brañas Folk (ourensáns); Luar na Lubre, Milladoiro, Treixadura, Os Melidaos (galegos) e Andrew Cronshaw e Tigran Aleksanyan (inglés e armenio, respectivamente). Caso aparte é a achega dos coros infantís. Quixemos que tamén formase parte deste CD un tema no que participasen os 68 nenos e nenas dos coros infantís dos colexios Concepción Arenal, CEIP Curros Enríquez, Colexio Miraflores e Colexio Padre Feijóo – Zorelle, que colaboraron connosco durante o curso 2014-15. No concerto do próximo día 24 interpretaremos varias das cantigas do CD, algunhas coa colaboración dos grupos que nos axudaron na gravación. Tamén cantaremos varias cantigas cos coros infantís dos colexios cos que temos convenio de colaboración neste intre: CEIP Irmáns Villar, CEIP Curros Enríquez e e Colexio Padre Feijóo - Zorelle.
|