A Nosa Historia

1918-1919: Nacemento e Presentación do Coro “De Ruada”

Xabier Prado Rodríguez “Lameiro”, Virxilio Fernández González, Xulio Prieto Nespereira, Fabriciano Iglesias Abella e Cesáreo Eire Santalla reúnense nunha casa da avenida de Zamora, propiedade deste último e chamada “Villa Joaquina”, para fundar o CORO DE RUADA. Era o 5 de outubro de 1918.

Pouco despois constitúese a primeira Xunta de Goberno que estaría formada por José Sabucedo Morales (Presidente), Modesto Fernández Román (Vicepresidente), Antonio Saco y Arce (Tesoureiro), Arturo Fernández Magdalena (Secretario) e Xabier Prado Rodríguez “Lameiro”, Arturo Macías, Vicente Martínez Risco e Luís Fernández Pérez “Xesta” (Vocais).

A primeiros de 1919 comezan os ensaios baixo a dirección de Daniel González Rodríguez, que procedía do Orfeón. Tamén comeza os ensaios o cadro de declamación.

O debut ten lugar o día 24 de xuño de 1919, día de San Xoán, no Salón Apolo de Ourense, acadando un grande éxito.

No seguinte mes actúa en Allariz e en agosto actúa en Pontevedra.

Daniel González, acompañado de Virxilio Fernández, percorren a xeografía ourensá recollendo cantigas populares.

1920-1945: Dirección de Daniel González Rodríguez

Entre 1920 e 1945 son moitos os concertos, festivais e outras actividades nas que participa a CORAL DE RUADA por tódolos pobos de Galicia, nas máis importantes cidades de España e en América. As máis salientables son as seguintes:

1920Actuación no balneario de Mondariz co gallo da reunión da Real Academia Galega en que se nomearon académicos a Antonio Rey Soto e a Ramón Cabanillas.

Primeiro viaxe a Madrid para participar na “Gran semana gallega” con grande éxito.

1923Primeira xeira astur-leonesa: La Felguera, Gijón, Oviedo, León e Villafranca do Bierzo.

1924Actuación nas festas do Corpus de Ourense e nova viaxe a Madrid, onde ofreceu tres concertos. Basilio Álvarez, que era o presidente da Casa de Galicia en Madrid, colgou na bandeira da CORAL a garabata doada polo Ministro da Gobernación, xeneral Martínez Anido.

1925De novo a Madrid para asistir á manifestación patriótica de adhesión ós Reis de España.

Nova garabata para a bandeira da CORAL; nesta ocasión foi doada por tódalas diputacións de España con motivo de ter participado na homenaxe ó Rei Alfonso XIII.

Primeira xeira andaluza da CORAL, ofrecendo tres concertos no teatro Cervantes de Sevilla., e outros concertos en Cádiz e Málaga.

Nova xeira ástur-leonesa, con actuacións en La Felguera, Gijón, Oviedo, Mieres e León.

Participación na gravación do filme “La Virgen del Cristal”, dos irmáns lugueses Manuel e Saturio Lois Piñeiro, rodada en Allariz, Vilanova dos Infantes e Gustei.

1927Nova xeira andaluza acompañados de Faustino Santalices: Sevilla (Sala da Radio e Teatro Cervantes) e Cádiz (Gran Teatro, con presentación do escritor ourensán Eugenio Montes). Debido ó éxito acadado en Cádiz, tiveron que prolongar a súa estancia nesa cidade andaluza, tendo que suspender actuacións programadas en Málaga, Alxeciras, Xibraltar e A Liña da Concepción.

Actuación, xunto co grupo “Os Enxebres”, para as SS.MM., os Reis Alfonso XIII e Dona Victoria na súa visita a Ourense. A CORAL DE RUADA estivo acompañada polos gaiteiros Faustino Santalices e Modesto Sánchez.

Elección de nova Xunta de Goberno, facéndose cargo da presidencia Xabier Prado “Lameiro”.

1928Bandeira da Casa de Galicia de Cádiz para a CORAL DE RUADA, polos éxitos acadados naquela cidade andaluza.

1929Homenaxe a Xabier Prado “Lameiro”, coa entrega ó escritor e presidente da CORAL DE RUADA das súas obras completas en catro tomos, editados en “La Región” por suscripción popular. Tamén se pide a erección dun monumento na súa honra.

Participación nos actos de inauguración da Casa do Pobo nas proximidades dos Xardíns do Posío. Gravación dos primeiros discos pola casa COLUMBIA-REGAL.

Iníciase a colaboración con Camilo Díaz Baliño para a posta en marcha das escenas corais galegas, que se estrearán, con grande éxito, nos últimos días de decembro.

1930Inícianse as xestións e preparativos para a primeira xeira sudamericana.

1931Primeira xeira sudamericana con actuacións en Arxentina, Uruguai e Brasil.

A CORAL DE RUADA, que saíu do porto de Vigo o día 10 de marzo, chegou a Bos Aires o 27 de marzo e, despois de ter que prorrogar a súa estancia inicialmente prevista (o que impediu que se atendesen peticións de actuación dos centros galegos en Rosario, Córdoba, Mendoza, etc..), ofrece o último concerto o día 15 de maio no teatro Avenida. A CORAL DE RUADA participou, ademais, en numerosas homenaxes, recepcións (incluso co Presidente da República, José Félix Uriburu), actos benéficos, etc..

A seguinte escala será Montevideo, onde permanecerá entre os días 16 de maio e 5 de xuño, ofrecendo diversos concertos nos teatros “18 de Julio” e Solís, ademais de todo tipo de actos sociais e protocolarios.

O día 7 de xuño debuta no Theatro Coliseu de Santos (Brasil), no que actúa ata o 12 de mesmo mes. Finalmente, entre os días 15 e 21 de xuño actúan no Theatro Gloria de Río de Janeiro.

Regresan ó mesmo porto que os viu saír o día 7 de xullo, catro meses despois, deixando atrás preto de ¡180 festivais! nos que acadaron enorme éxito con tódalas entradas vendidas na meirande parte dos casos.

1932Participación no I Aniversario da República en Madrid, convidados polo Ministro de Obras Públicas e deputado por Ourense, Sr. Calvo Sotelo. Durante a estadía en Madrid, a CORAL DE RUADA será agasallada polo deputado Basilio Álvares e polo Centro Gallego, presidido entón por Ramón Cabanillas.

Certo malestar entre membros da Xunta de Goberno e o director culminas coa dimisión de Daniel González.

1933Novas eleccións para a constitución da Xunta de Goberno, facéndose cargo da presidencia da mesma Olegario Muñiz García.

1934Despois de varios intentos de substitución de Daniel González, é o propio Daniel González quen se fai cargo, de novo, da dirección da CORAL DE RUADA.

Participación nas Festas do Apóstolo e no Congreso de Ciencias en Santiago de Compostela.

Participación, xunto co Orfeón Unión Orensana, Os Enxebres e a Banda de Alongos, no recibimento tributado ó Presidente da República, D. Niceto Alcalá Zamora, no Parque de San Lázaro, no seu paso por Ourense en xeira por Galicia.

Participación nos actos de inauguración do monumento a Curros Enríquez, no Paseo de Méndez Núñez da Coruña, presididos polo Presidente da República, D. Niceto Alcalá Zamora.

1935Primeira saída a Portugal, concretamente a Vila do Conde (Oporto) para participar nun festival organizado pola Santa Casa de Misericordia.

1936 1939A Guerra Civil interrompe, loxicamente, as actividades da CORAL, que perde na contenda a algúns dos seus membros.

En outubro de 1939, xa finalizada a guerra, comeza a reorganización da CORAL DE RUADA.

1940 1941Elección de nova Xunta de Goberno presidida por Xabier Prado “Lameiro”.

O 11 de maio reaparece a CORAL DE RUADA no teatro Losada baixo a dirección de Germán Rodríguez González. O novo director terá unha presencia efémera, xa que pronto será relevado, de novo, por Daniel González.

1942Ano de loito para a CORAL DE RUADA, xa que o día 26 de decembro morre en Santiago de Compostela o seu presidente Xabier Prado “Lameiro”.

1943Renovación da Xunta de Goberno, facéndose cargo da presidencia Antonio García Nóvoa “Perniñas”.

Celébranse festivais para recadar fondos con destino ó monumento a Xabier Prado “Lameiro”.

1944Continúan os festivais parara recadar fondos con destino ó monumento a Xabier Prado “Lameiro”, extendéndose a varias cidades galegas (Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo...).

O Concello de Ourense autoriza a construcción do monumento a Xabier Prado “Lameiro” no antigo Campo de San Lázaro (fronte á Igrexa de San Francisco).

Vodas de Prata da CORAL DE RUADA, celebradas con varios actos e cun concerto no Coliseo Xesteira no que se homenaxea a Daniel González.

En 1940 o goberno da recentemente instaurada dictadura crea a “Obra Sindical de Educación y Descanso” na que, por dificultades de tipo económico, se integra a CORAL DE RUADA.

1945Inauguración do monumento a Xabier Prado “Lameiro” no Campo de San Lázaro. O molde do busto foi realizado por Asorey en escaiola (este molde foi doado polos herdeiros de Xabier Prado “Lameiro” á Real Academia Galega, con motivo da homenaxe que esta institución lle rendeu a Prado “Lameiro” en 2003) e del fixéronse dúas copias en bronce: a que se colocou no monumento e a que se atopa nos locais da CORAL DE RUADA.

Viaxe a Madrid para actuar, con grande éxito, no teatro María Guerrero.

Dimite Daniel González como director, quedando como asesor artístico.

1945-1955: Alternancia na Dirección entre Daniel González e Isolino Canal

Seguen a producirse viaxes pola práctica totalidade dos pobos, vilas e cidades de Galicia. Os acontecementos máis salientables son:

1945Como xa se indicou, cando se produce a dimisión de Daniel González faise cargo da dirección da CORAL Isolino Canal Freire, que viña exercendo de subdirector, quedando aquel como asesor artístico.

Nova viaxe a Madrid para gravar novos discos. Ademais grava a música do filme “Mar abierto” nos estudios que Suevia Films, de Cesáreo González, tiña en Chamartín de la Rosa. Tamén grava un progama de Radio Nacional de España para América e participa nun festival benéfico para orfos de Maxisterio celebrado no Circo Price.

1946Ademais de ofrecer varios concertos pola xeografía galega, realiza unha nova xeira por terras asturianas.

1947Parece que as relacións entre o asesor artístico (Daniel González) e o director (Isolino Canal) non eran as máis axeitadas para levar adiante os proxecto da CORAL DE RUADA, polo que volve o primeiro á dirección.

Primeira xeira a terras vascas, concretamente a Bilbao e Baracaldo, ademais de numerosas actuacións por Galicia.

1948Estrea en Ourense da “Evocación histórica do Camiño de Santiago” coa colaboración do eminente etnógrafo Xaquín Lorenzo “Xocas”.

1949Nova viaxe a Madrid para asistir ó “Concurso Internacional de Coros y Danzas” celebrado na Casa de Campo.

Ofrécese un concerto-homenaxe a Daniel González, Virxilio Fernández e Jaime Montes.

Actuación na Coruña diante do xeneral Franco e o rei Abdullah de Xordania.

1950En Ourense a CORAL DE RUADA aborda unha nova modalidade, a polifonía clásica.

Nova viaxe a Madrid para inaugurar a “I Feria del Campo” e participar no programa radiofónico “Fiesta en el aire” de Radio Nacional de España.

Primeira viaxe a Salamanca e Zamora.

1951Nova Xunta de Goberno da CORAL DE RUADA presidida, nesta ocasión, por Luís Pérez Colemán.

Primeira viaxe a Barcelona.

1952Participación nun festival folclórico internacional na Coruña. Entre as autoridades presentes atópase o presidente de Liberia, William V. S. Tubman, e o ministro de asuntos exteriores español, Alberto Martín-Artajo Álvarez.

Nova viaxe a Barcelona e primeira visita a Valladolid.

Dimite Daniel González, que deixará a CORAL DE RUADA definitivamente. Substitúeo de novo Isolino Canal.

1953Nova viaxe a Barcelona, con parada e actuación en Fraga (Huesca), para participar nas “Fiestas de la Merced” cun concerto no teatro Romea. De regreso a Ourense paran en Salamanca para ofrecer un concerto, no teatro Gran Vía, organizado pola “Sociedad Filarmónica” desa cidade e patrocinado polo gobernador civil da provincia, o ourensán José Luís Taboada García.

1954Homenaxe do Concello de Ourense á CORAL DE RUADA no seu 35º aniversario. O alcalde, Tomas Cid Míllara, entrega unha nova bandeira á CORAL DE RUADA. Fabriciano Iglesias -un dos fundadores- fai entrega dunha garabata e entrega outra garabata o coro coruñés El Eco, que participou na homenaxe.

Presentación do novo espectáculo “Sol e Orballo”.

1955Nova viaxe a Madrid.

Gravación de novos discos coa casa Columbia.

Crise e dimisión de Isolino Canal, sendo relevado polo organista da Catedral de Ourense, Antonio Jaunsarás Sanmiguel. A dirección do excelente músico navarro foi moi efémera, xa que dimite en decembro do mesmo ano. Nembargantes, o paso de Jaunsarás foi altamente positivo porque, dalgún xeito, abriu a porta da mesma a unha serie de alumnos seus -excelentes músicos- que tomaron ó seu cargo a dirección da CORAL DE RUADA ata os nosos días (Manuel de Dios, Álvaro de Dios, Bruno Fuentes, José María González, Juan José Rumbao).

1956-1964: Primeira Etapa da Dirección de Manuel De Dios

Como noutras etapas, seguen a realizarse concertos pola práctica totalidade dos pobos, vilas e cidades de Galicia. Os acontecementos máis salientables son:

1956Accede á dirección da CORAL DE RUADA Manuel de Dios Martínez, alumno de Antonio Jaunsarás.

Participación nas “Festas Gualterianas” en Guimaraes (Portugal).

1957Nova Xunta de Goberno que preside Manuel Varela Fernández.

Renovación do repertorio con introducción de novas obras polifónicas galegas e da polifonía universal.

Novas actuacións en León (Ponferrada), Asturias (Gijón) e Valladolid (Simancas).

Presentación da CORAL DE RUADA en Ourense cun novo repertorio onde figuran obras de Fernández Amor, Fernández Espinosa, Antonio Jaunsarás, Jaroff, Aznar, Gruber e o propio Manuel de Dios.

1958Nova saída a Portugal (á cidade de Vila Real).

1959Clausura en Ourense do curso “Música en Compostela” con grande éxito e comentarios laudatorios na prensa a cargo de Antonio Fernández Cid e Óscar Esplá.

Gravación do disco “Así canta Galicia” que tivo un éxito extraordinario, como o demostra que se fixeran varias edicións do mesmo (incluso en América) e que se editaran varios discos pequenos con cantigas do orixinal. >

Presentouse no Liceo Recreo Ourensán, nunha sesión extraordinaria do Conservatorio de Música de Ourense.

1960Seguen as actuacións pola provincia e por Galicia.

1961A crítica especializada segue a gabar o xiro que o novo director está a dar ó rumbo da CORAL DE RUADA, coa inclusión de polifonía de tódolos tempos e países. Así, neste ano ofrécense concertos con obras de Witt, Guerrero, Bela Bartok, Duval e o propio Manuel de Dios.

Nova xeira ástur-leonesa (Ponferrada e Gijón) e novo viaxe a Portugal.

1962 1963Seguen as actuacións pola provincia e por Galicia.

1964Viaxe a Madrid para gravar un novo disco coa casa Columbia.

Manuel de Dios abandona temporalmente a dirección da CORAL DE RUADA para “descansar e praparar uns exames particulares relacionados coa súa profesión”.

1965-1969: Etapa de Provisionalidade con Varios Directores: Álvaro De Dios, José Dacal, José Pascual, Bruno Fuentes

1965Álvaro de Díos, irmán do director dimitido, faise cargo da dirección da CORAL DE RUADA durante algún tempo ata que a Xunta de Goberno atope un novo director. Mentres tanto, próbase con outros directores (José Dacal primeiro e José Pascual Pascual despois).

A CORAL DE RUADA durante este período a penas ten actividade, agás os ensaios

1966 1968Nos primeiros meses de 1966 prodúcese unha fonda crise, xa que os coralistas esixen unha solución definitiva e rápida no tema do director, mentres que os membros da Xunta de Goberno poñen os seus cargos a disposición da Asemblea.

En abril de 1966 elíxese nova Xunta de Goberno que estará presidida José Ramón Muñiz Guerra, fillo do expresidente Olegario Muñiz García.

Finalmente, no mes de abril de 1966, faise cargo da dirección da CORAL DE RUADA o crego Bruno Fuentes Blanco, outro dos exalumnos de Antonio Jaunsarás.

Nesta etapa non se produciron actividades de gran releve agás a participación nas primeiras Misas en galego na capela do Santo Cristo. A primeira tivo lugar o día 7 de xaneiro de 1968 oficiada polo cóengo Celso Pérez Carnero.

1969Seguen a realizarse xeiras por toda Galicia.

Celébrase o 50º Aniversario da CORAL DE RUADA. Para tan especial ocasión prográmanse unha serie de actos os días 22 e 29 de xuño: O día 22 ten lugar unha Misa en Galego, na Igrexa dos Franciscanos, cantada pola CORAL DE RUADA; a continuación, no cemiterio de San Francisco, realízase unha ofrenda floral nas tumbas dos coralistas falecidos e nos monumentos a Lamas Carvajal, Xabier Prado “Lameiro”, Curros Enríquez e Vicente Risco; por último ofrécese unha comida típica galega de irmandade. O día 29 ten lugar unha recepción no Concello de Ourense, unha “homenaxe da Galicia folclórica á CORAL DE RUADA” na que participan o Real Coro Toxos e Frores do Ferrol, Cántigas da Terra da Coruña, Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, Coral Polifónica de Lugo, Orfeón Unión Orensana e Ballet Folklórico Orensano.

Estes actos tiveron unha grande relevancia e foron ofrecidos, nun amplo resume, por TVE.

Con motivo do acontecemento publícase unha revista con fotos da CORAL DE RUADA, diversas informacións históricas (relación de presidentes, directores, persoeiros, galardóns...), artigos de plumas prestixiosas (Ramón Otero Pedraio, Isidoro Guede), ilustracións dos máis salientables artistas ourensáns (Prego de Oliver, Arturo Baltar, Acisclo Manzano, Virxilio, Faílde, Luís Trabazo) e ata unha fotografía do xeneral Franco.

1969-1990: Segunda Etapa da Dirección de Manuel De Dios

Volta á normalidade de ensaios e xeiras por tódolos pobos, vilas e cidades de Galicia.

1969 1970Unha vez finalizados os actos do 50º Aniversario e pasado o verán de 1969, volve á dirección da CORAL DE RUADA Manuel de Dios.

1971 1972En decembro de 1971 elíxese nova Xunta de Goberno, que será presidida por José Fernández Borrajo.

O dato máis salientable deste período é a creación dos “Amigos da CORAL DE RUADA”, ós que, sen ser socios, se lles ofrecería un concerto anual. Esta figura creouse en reunión da Xunta de Goberno de 17 de decembro de 1971, nada máis tomar posesión do seu cargo o novo presidente, ante as crecentes dificultades de tipo económico en que se vía sumida a CORAL DE RUADA para levar a cabo as súas actividades.

Tamén neste período –xuño de 1972- comezan a celebrarse as Romarías en Oseira.

1973 1974En abril de 1973, nova viaxe a Madrid e actuación no “Teatro da Zarzuela” para render homenaxe á familia ourensá Barreiros. Esta actuación tivo un grande éxito e foi loada na prensa por varios escritores e periodistas, entre eles o musicólogo ourensán Antonio Fernández Cid. O día seguinte foron recibidos polos Príncipes de España, D. Juan Carlos e Dª. Sofía nos Pazo da Zarzuela, sendo acompañados polo Gobernador Civil de Ourense, Daniel Regalado Aznar; o Presidente da Deputación de Ourense, David Ferrer Garrido; o Alcalde de Ourense, Ricardo Martín Esperanza; o Presidente do Centro Galego de Madrid, xeneral Constantino Lobo Montero e o Presidente da Peña Ourensana de Madrid, Eugenio López López “Genín”.

1975Actuación nocturna no Mosteiro de Oseira nunha xuntanza do Ministro de Educación, Cruz Martínez Esteruelas, coas autoridades ourensanas.

O éxito da actuación en Oseira foi tal que o Ministro de Educación convidou á CORAL DE RUADA a participar nos actos de clusura dos Cursos de Verán da Universidade Hispanoamericana de Santa María da Rábida (Huelva). Este acto tivo lugar na Aula Magna da Universidade Hispanoamericana ás 11 da noite do 14de agosto de 1975.

1976Álvaro seguía axudando ó seu irmán Manuel nas labores de dirección da CORAL DE RUADA. E é Álvaro o que ten a idea, a principios de 1976, de fundar un coro infantil e así se fai, debutando en abril dese mesmo ano no concerto que a CORAL DE RUADA ofreceu ós “Amigos”. O coro infantil foi dirixido, entre outros, polo que se convertería en director da C a partir do ano 2000.

1977 1979Continúan as actuacións pola xeografía galega.

1980Nova viaxe a Vila Real (Portugal).

1981Primeira participación no Festival Intercéltico de Lorient, o que supón a primeira viaxe a Francia. Neste festival participan grupos musicais e de danzas de Escocia, Gales, Cornouailles, Illa de Man, Irlanda, Bretaña, Galicia, Asturias... A CORAL DE RUADA ofreceu, entre os días 7 a 17 de agosto, concertos en Chapiteau des Expositións, Parc Mustair, Jardins Ferry, Cabaret, Palais des Congrés, Saint Malo e Carnaz, ademais de participar en desfiles polas rúas de Lorient.

Nova viaxe a Portugal, concretamente a Oporto.

1982Segunda xeira americana da CORAL DE RUADA. Nesta ocasión a Venezuela. A expedición ourensá estaba integrada polos membros da CORAL DE RUADA (50 coralistas, o director Manuel de Dios e o presidente José Fernández Borrajo), o presidente e secretario da Deputación Provincial (Victoriño Núñez e Benito González, respectivamente), o alcalde de Xinzo de Limia e deputado provincial Isaac Vila e o periodista Alfredo Vara, que faría de presentador da CORAL DE RUADA nos concertos realizados.

A embaixada cultural ourensá saíu de Barajas o día 1 de abril e chegou ó día seguinte ó aeroporto de Maiquetia. Inmediatamente se trasladaron á “Hermandad Gallega de Caracas” onde foron calurosamente recibidos por varios centos de galegos, un grupo de gaiteiros dirixidos polo único supervivente dos míticos Gaiteiros de Soutelo, Víctor Cachafeiro, e o presidente da institución Manuel Ramos López.

O primeiro concerto celebrouse no Salón de Actos da “Hermandad Gallega de Caracas”, onde as 400 butacas foron claramente insuficientes para o público asistente, tendo que permanecer a pé incluso no vestíbulo do local. A CORAL de Ruada dedicou o “Alalá de Sóutelo” a Víctor Cachafeiro, o que arrincou prolongados aplausos e moitas bágoas de emoción.

Ó día seguinte a CORAL DE RUADA trasladouse ás instalacións que a “Hermandad Gallega de Caracas” posúe en Villa Fresco, a 20 km da capital. Alí tivo lugar unha romaría para máis de 5.000 persoas que escoitaron emocionadas as cantigas ofrecidas pola CORAL.

Unha representación da CORAL participou no programa radiofónico “Sempre en Galiza”, que a propia “Hermamdad” realiza en Radiodifusora Venezolana. A CORAL DE RUADA actuou no programa que a cantante venezolana Nachy Azevedo presenta na canle cinco da televisión estatal. Entre cantiga e cantiga entrevistou ó director Manuel De Dios.

O día 6 o coro “Aires Galegos” da “Hermandad Gallega de Caracas” ofreceu unha cea de amizade. O día 7 nova actuación na asociación “Amigos de Santiago” diante de centos de persoas. A expedición viaxa o día 8 ata Maracay para actuar no salón de actos do Centro Hispano Venezolano que estaba abarrotado de xente desexosa de escoitar á CORAL DE RUADA. O día 9 emprenden viaxe de regreso, chegando a Ourense á tardiña do día 10.

O resumo pode ser: a segunda xeira americana da CORAL DE RUADA foi un éxito enorme.

1983Nova actuación en Vila Real (Portugal).

1984A Deputación de Ourense concede á CORAL DE RUADA a Medalla de Ouro da Provincia.

Segunda participación no Festival Intercéltico de Lorient entre os días 4 e 10 de agosto. O día 4 participou nun festival televisado en directo pola terceira canle da TV francesa. O día 6 actuación de música popular no Chapiteau, con destacada actuación do grupo musical.

O día 7 actuación no asilo de anciáns da localidade. O día 8 concerto central na Igrexa de Saint Louis. O día 10 novo concerto de música popular nunha céntrica praza da localidade habilitada para concertos. Ademais participou en desfiles polas rúas de Lorient.

Un novo éxito que engadir á historia da CORAL DE RUADA.

1985Nova viaxe a Barcelona.

1986Terceira xeira Sudamericana. A CORAL DE RUADA foi convidada pola Deputación Provincial, como parte da embaixada cultural ourensá a terras americanas co celebración do 50º aniversario da institución provincial.

Colaborou na viaxe Caixa Ourense. A expedición estaba formada polos compoñentes da CORAL DE RUADA e Victorino Núñez (presidente da Deputación), José Posada (presidente do consello de administración de Caixa Ourense) José Ramón Vázquez (tenente de alcalde do Concello de Ourense), Xaquín Lorenzo “Xocas” (académico da RAG) e varios periodistas e convidados.

A expedición sae de Ourense 25 de abril e chega ó aeroporto arxentino de Ezeiza o día 26, sendo recibidos no propio aeroporto por máis de mil persoas.

O 27 de abril ten lugar a primeira actuación nas instalacións do Instituto Cultural do Centro Galego de Bos Aires, situado en Olivos, ás aforas da capital. Asistiron máis de dez mil emigrantes galegos a esta actuación. O día 29 a expedición ourensá trasládase a Montevideo, onde foron recibidos no Concello e no Parlamento de Uruguai. Despois de xantar no Centro Galego de Montevideo, trasládanse ó teatro Carlos Brussa onde ofrecen un concerto de arredor de dúas horas ante mil cincocentas persoas entusiasmadas coa presencia da CORAL.

Regreso a Bos Aires e, de seguida, viaxe a Mar de Plata onde actúan na Catedral, o día 1 de maio, para uns trescentos paisanos que aplaudían e choraban sen parar.

Volta a Bos Aires e actuacións o día 2 de maio nun “Teatro Castelao”, do Centro Galego de Bos Aires, ateigado de xente que ocupaba todos sitios posibles (corredores, antesasa, etc..) para escoitar durante dúas horas e media á CORAL DE RUADA.

O día 3, actuación na “Asociación de Hijos del Partido de Carballiño” durante hora e media, ante varios centos de persoas, e cena ofrecida pola citada sociedade nas súas propias instalacións.

Na estancia es Bos Aires, os membros da CORAL puideron saudar ó excoralista e gran actor “Tacholas”.

Despois dunha xeira esgotadora, pero moi exitosa, a expedición iniciou camiño de regreso no aeroporto de Ezeiza o día 4 de maio, chegando a Ourense o día seguinte.

Nova viaxe a Vila Real (Portugal).

Nese ano non todo foron boas noticias, xa que pouco despois de chegar de América falecen en accidente de tráfico os xoves coralistas Samuel Vázquez (fillo de Samuel Vázquez e Eva López, tamén coralistas) e Alfonso Gil. Un duro golpe para tódolos coralistas.

1987A primeiros de ano, o director, Manuel de Dios, manifesta a súa intención de deixar a CORAL nas próximas semanas. A Xunta de Goberno pídelle que reconsidere a decisión e, se a decisión é firme, que a pospoña para poder atopar un sucesor idóneo.

1988A primeiros de 1988, unha nova noticia luctuosa se abate sobre a CORAL DE RUADA, xa que falecen en accidente de tráfico as coralistas, e fillas de Manuel de Díos, Digna e María de los Ángeles. Este acontecemento constituíu, loxicamente, un duro golpe para o director que, tendo en conta a súa intención de abandonar a CORAL, deixa de asistir ós ensaios, encargándose provisionalmente dos mesmos o coralista Juan Feijóo Soto “Juanín”. Finalmente, Manuel de Dios regresa e continúan os ensaios, aínda que algunhas veces o director non se sentía con ánimos e non acudía ós mesmos.

O día 21 de abril a CORAL DE RUADA acude ó Instituto “Otero Pedrayo”, onde era profesor o director, para ofrecer un concerto co gallo do centenario do nacemento do escritor. Foi un concerto moi emotivo, con grandes ovacións, porque se trataba do regreso do director.

O ano transcorre do mesmo xeito que nas últimas semanas, é dicir, ensaios intermitentes e ningunha actuación.

1989Continúa a situación de incerteza e realízase soamente unha actuación en Ourense, tres saídas por Galicia (Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol) e unha saída a Salamanca.

1990A CORAL DE RUADA recibe o Pedrón de Ouro.

Na asemblea de febreiro, o director segue a insistir en dimitir.

Realízase unha actuación en Ourense e outra en Xunqueira de Ambía. Nesta última prodúcese un percance que, en condicións normais non tería maior relevancia, entre o director e un veterano coralista. Como consecuencia prodúcese a dimisión definitiva de Manuel de Dios.

Esta dimisión desencadea unha serie de acontecementos: éxodo dunha importante parte dos coralistas, dimisión da Xunta de Goberno, convocatoria de asembleas xerais e nomeamento dunha Xunta Xestora e, posteriormente dunha Xunta de Goberno presidida polo coralista Francisco Domínguez.

1991-1993: Breve Período da Dirección de Javier Luís Jurado Luque

1991Unha das prioridades da Xunta de Goberno consistiu en atopar un novo presidente para a CORAL, deste xeito, a finais de xaneiro toma posesión unha nova Xunta de Goberno presidida por Julio Francisco Ogando Vázquez.

Pouco despois faise cargo da dirección da CORAL DE RUADA o músico cordobés, residente en Vigo onde exercía a docencia, Javier Luis Jurado Luque. Os ensaios reinícianse o primeiros de febreiro.

Julio Francisco Ogando dimite, e tamén o fan os membros da súa Xunta de Goberno, en outubro debido ó malestar que provocou entre os coralistas unhas declaracións súas co gallo da presentación dunha actuación da CORAL DE RUADA no Liceo.

En novembro realízanse novas eleccións, constituíndose unha nova Xunta de Goberno presidida polo exdirectivo Manuel Rego Nieto, ó que un grupo de coralistas convence para que se presente.

A pesar de todas estas incidencias, a CORAL DE RUADA realizou varias actuacións por toda Galicia.

1992En 1992 seguen a celebrarse distintos concertos por Galicia, pero hai outros actos que destacan dun xeito especial.

Por unha banda, a CORAL DE RUADA é a encargada, o 30 de xaneiro, da inauguración do teatro Principal despois da súa restauración (levaba pechado dende 1976).

Nova viaxe a Madrid, patrocinado pola Deputación Provincial, para ofrecer un concerto na Igrexa de “Los Jerónimos” co gallo do Congreso Internacional de Belenistas. O concerto foi gran un éxito seguido por preto dun milleiro de belenistas de varios países.

O Presidente da Xunta de Galicia, D. Manuel Fraga Iribarne, entrega a medalla de bronce de Galicia á CORAL DE RUADA.

1993Participación no acto académico no que se nomea ó Presidente da República Portuguesa, Mario Soares, Doctor Honoris Causa pola Facultade de Dereito de Ourense.

Cando todo parecía marchar con paso firme e tranquilo, o director, Javier Luís Jurado Luque, deixa a CORAL alegando discrepancias coa Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno ponse en contacto co profesor de Música do Instituto Otero Pedrayo -tamén discípulo de Antonio Jaunsarás- José María Santos González Álvarez, que acepta a dirección da CORAL DE RUADA, pero facéndose cargo da mesma despois de que a CORAL enfronte os inminentes compromisos das actuacións no Camiño de Santiago (Astorga, Villafranca del Bierzo, Portomarín e Misa na Catedral de Santiago de Compostela).

Nestas actuacións fixo de director o veterano coralista José Gallego Aguiar “Chuti”.

1993-2000: Dirección de José María Santos González Álvarez

1993O debut do novo director, José María González, produciuse no teatro Principal, nun recital no que tamén participaron o Orfeón Valdeorrés e Lembranza-Solpor de Celanova.

1994Ano do 75º Aniversario.

O Concello de Ourense acorda (10 de febreiro) aprobar a proposta de Expediente de Honores a favor da CORAL DE RUADA.

Convocatoria de concurso de composición de cantiga conmemorativa do 75º Aniversario da CORAL. Analizadas as pezas recibidas, declarouse deserto o premio.

Edición dun libro sobre a historia da CORAL. O día 4 de abril constituíuse unha comisión encargada da elaboración do mesmo. A comisión estaba encabezada por Miguel Ángel González García e Servando Ellacuriaga Tesouro. Para a financiación do proxecto falouse co Presidente do Consello de Administración de Caixa Ourese, David Ferrer Garrido.

Participación no programa da TVE en Galicia “Desde Galicia para el mundo” que se emite tamén pola canle internacional.

Fabricación dun prato de cerámica, obra do ceramista Ruipinto de Viana do Castelo, conmemorativo para agasallar ós Amigos, autoridades, etc.

Edición dun cartaz conmemorativo baseado no realizado por Camilo Díaz Baliño para a xeira americana de 1931.

Concerto extraordinario no teatro Principal.>

Concerto no Liceo onde se impón a medalla de Ouro da sociedade á CORAL.

Celebración especial da Romaría de Oseira, con banda de música, charanga, grupo de teatro, etc.

Homenaxe do Concello de Ourense á CORAL DE RUADA. Tivo lugar o día 24 de xuño (xusto o día do 75º Aniversario da presentación de DE RUADA en Ourense) e no mesmo participaron, ademais da CORAL DE RUADA, o “Orfeón Unión Orensana” e o Real Coro Toxos e Froles do Ferrol.

Viaxe a Santiago de Compostela o día 25 de xullo para participar nos actos do “Día de Galicia” na Igrexa de San Domingos de Bonaval e no que se atopaban, ademais das autoridades galegas, o presidente de Uruguai, Luís Alberto Lacalle.

Homenaxe dos grupos folclóricos galegos (“Queixumes” de Vigo, “Lembranzas” da Coruña, “Cantigas e Frores” de Lugo e “Castro Floxo” de Ourense).

Xeira por Galicia: Vigo, A Coruña (con homenaxe do coro irmán “Cántigas da “Terra inclusive) e Santiago de Compostela (compartido con “Cantigas e Agarimos”). En Santiago tamén asistiu a unha recepción do Presidente do Parlamento de Galicia, Victorino Núñez.

Como xa é tradicional ofreceuse o Concerto dos Amigos e o Concerto de Nadal na Catedral de Ourense.

Concesión da medalla de ouro da cidade o día 2 de decembro.

1995Nova viaxe a Portugal para actuar en Viana do Castelo.

Participación na homenaxe ó exdirector da CORAL Manuel de Dios.

Gravación do CD “Cando o Miño chega a Ourense” coa casa discográfica Edicións do Cumio.

Participación na homenaxe en Ourense ó bailarín e escenógrafo ourensán Rey de Viana, recentemente falecido, doando á súa viúva unha escultura en bronce alegórica da CORAL, obra do escultor Buciños.

1996Co patrocinio de Caixa Ourense, edítase o libro “La Coral De Ruada”, coordinado por Miguel Ángel González García e Servando Ellacuriaga Tesouro.

Ofrécese un concerto homenaxe a Xesús Ferro Couselo no teatro Principal de Ourense.

Participación institucional na homenaxe a Gerardo Salgado Valdés, director do Orfeón Unión Orensana durante tantos anos.

Participación institucional na homenaxe que o “Clube Cultural Alexandre Bóveda” ofreceu ó escultor Buciños.

Participación no Centenario da presencia en Ourense das “Hermanas de la Caridad”.

Nova participación no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa.

Participación nos actos dos 75º Aniversario do coro irmán Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.

1997Participación no Encontro Luso-Galacico de Coros celebrado en Chaves (Portugal), xunto coa Coral de Chaves, Coro dos Pequenos Cantores de Coimbra, Coro Misto da Universidade de Coimbra, Choral Poliphonico de Coimbra e Orquestra do Norte.

Concerto na Igrexa de Santa María a Real de Zarautz (Guipúzcoa) co gallo da celebración do Día de Galicia en Zarautz.

1998DE RUADA celebra no Liceo un concerto-homenaxe ó insigne músico Antonio Jausarás, tan vinculado á CORAL.

Nova viaxe a Portugal para participar no “Encontro Internacional de Coros” do “Maio Coral”, organizado e patrocinado pola Polifónica de Coimbra. O concerto celebrouse no cine-teatro de Lousá Coimbra) e no mesmo participou tamén o Coro Lunigiana de Massa Carrara (Italia).

1999Co gallo do 80º Aniversario (1919-1989) de CORAL DE RUADA editouse un vídeo conmemorativo producido por TV7 S.L. e patrocinado pola Deputación de Ourense.

O vídeo contén unha presentación a cargo do Presidente da CORAL naquel intre, D. Manuel Rego Nieto, e oito cantigas procedentes da gravación “Cando o Miño chega a Ourense” do ano 1995: Airiños, Pandeirada de Ourense, Foliada da Rabeda, A cinta de namorare, O neno durmía, Romance de Cerdedo, Trullada da vendima e Ourense ao lonxe.

A gravación foi realizada no Teatro Principal de Ourense e nela intercálanse imaxes da CORAL (con traxe de gala nas cantigas polifónicas e traxe de verán nas populares) e vistas dos monumentos máis representativos da nosa cidade.

Co gallo do Ano Santo, realización do Camiño de Santiago actuando en Astorga, Portomarín e Misa na Catedral de Santiago de Compostela.

Concerto conmemorativo do 80º Aniversario no teatro Principal de Ourense, acompañados polos coros irmáns Cántigas da Terra da Coruña e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.

Concerto conmemorativo do 80º Aniversario no salón nobre do Liceo de Ourense, acompañados polo coro irmán Real Coro Toxos e Froles do Ferrol.

2000Participación, no Ferrol, nos actos do 85º Aniversario do Real Coro Toxos e Froles.

O día 11 de xullo a Xunta de Goberno da CORAL decide aceptar a dimisión presentada polo director, José María González Álvarez, sete días antes.

2000-2009: DIRECCIÓN DE JUAN JOSÉ RUMBAO REQUEJO

2000 Preséntase o novo director, Juan José Rumbao Requejo, o día 13 de xullo. O 22 de xullo, nova viaxe a Zarautz (Guipúzcoa) para actuar na Igrexa de Santa María a Real co gallo do “XVII Día de Galicia en Zarautz”. Foi o primeiro concerto dirixido polo novo director. Nova xira por terras andaluzas, participando nas “XLI Jornadas Gallegas” organizadas polo Lar Gallego de Sevilla. Realizáronse actuacións en Sevilla, Huelva e Alcalá de Guadaira. Homenaxeouse coa insignia de ouro da CORAL á ex-coralista e presidenta do Lar Gallego de Sevilla, María Teresa Rodríguez.

2001 Nova viaxe a Portugal para ofrecer un concerto en Guimarães (Portugal), organizado pola Cámara Municipal da cidade con motivo das “Festas Gualterianas”.

Participación en Celanova na homenaxe ó gaiteiro e zanfonista, vinculado no seu momento á CORAL DE RUADA, Faustino Santalices e ó Gaiteiro de Penalta. Homenaxe, coa concesión da insignia de ouro da CORAL e o título de Coralista de Honra, a Monseñor Miguel Anxo Araúxo Iglesias, Bispo emérito de Mondoñedo-O Ferrol.

2002 En febreiro, despois da celebración da asemblea xeral, dimite o presidente Manuel Rego Nieto e substitúeo, provisionalmente, o vicepresidente primeiro Eladio Quevedo Almoína.

En decembro celébrase unha asemblea xeral extraordinaria na que se referenda a Eladio Quevedo Almoina como presidente da CORAL DE RUADA.

Real Coro Toxos e Froles do Ferrol crea o premio “Manuel Lorenzo”, en memoria do gaiteiro fundador do coro ferrolán, para recoñecer o labor a prol da música tradicional galega. Na súa primeira edición, o premio concédeselle á CORAL DE RUADA, que viaxa á cidade departamental para recibilo e ofrecer un concerto, xunto co coro irmán.

A CORAL DE RUADA participou na Misa de toma de posesión de Monseñor Luís Quinteiro Fiúza como Bispo de Ourense.

2003 Concerto no teatro Principal de Pontevedra co gallo do “Ano de Alexandre Bóveda” organizado polo concello pontevedrés.

Participación no acto institucional, no salón de plenos da Deputación Provincial, do nomeamento, a título póstumo, como “Fillo Predilecto da Provincia de Ourense” do escritor Carlos Casares.

Participación na gravación, no teatro Principal de Ourense, do CD “Cantigas do mar”, xunto coa Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, o Real Coro Toxos e Froles do Ferrol e Wenceslao Cabezas “Polo”.

Concerto no teatro Principal de Ourense, organizado pola CORAL DE RUADA, para recadar fondos con destino ás vítimas do “Prestige”. Participaron, coa CORAL, o Real Coro Toxos e Froles do Ferrol, as pandeireiteiras de Gradaílle e a Escola de Danzas da Deputación.

Co gallo da presentación do libro do coralista Xaquín Vales “Canto mariñán ou canto do mar?” no Centro Cultural Avenida da Rúa (Ourense), actuación da CORAL.

DE RUADA ten diversas actuacións en solitario e na compaña do Real Coro Toxos e Froles do Ferrol, a Real Banda de Gaitas de Ourense e o pandeireiteiro Wenceslao Cabezas “Polo”, nun magno programa da Televisión de Galicia realizado no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela con motivo da celebración do Día de Galicia.

2004 Asemblea Xeral coa reelección de Eladio Quevedo Almoina como presidente.

Roda de prensa no Centro Cultural da Deputación para dar a coñecer o programa de actividades do ano 2004, ano no que se cumpre o 85º aniversario da CORAL DE RUADA. Unha representación institucional da CORAL DE RUADA participou na homenaxe da Real Academia Galega ó escritor e fundador da CORAL, Xabier Prado “Lameiro”. O acto tivo lugar na sede da RAG, na Coruña.

CORAL DE RUADA viaxa de novo a Asturias, concretamente a Gijón, onde ofreceu un concerto na Igrexa Parroquial de San José e cantou na Basílica do Sagrado Corazón unha misa oficiada polo Arcebispo de Oviedo, ex-bispo de Ourense, Carlos Osoro Sierra.

CORAL DE RUADA participou no acto institucional da Real Academia Galega que tivo lugar no paraninfo do instituto Otero Pedrayo de Ourense o día 17 de maio pola mañá, co gallo de homenaxear ó etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo “Xocas” (exvicepresidente da CORAL) a quen estivo dedicado este ano o Día das Letras Galegas.

Realización do Camiño de Santiago, pola Vía da Prata, actuando no Auditorio da Hospedería de Fonseca de Salamanca, na Igrexa Nova de Xinzo de Limia e na Catedral de Santiago de Compostela, onde cantou a Misa do Peregrino oficiada polo Bispo de Ourense, Monseñor Luis Quinteiro Fiúza.

2005 Dez anos despois da publicación do seu anterior traballo “Cando o Miño chega a Ourense”, CORAL DE RUADA gravou outro CD recompilador, que recolle un total de dezanove temas de distintos estilos, co nome de “Sempre De Ruada”. No acto de presentación, que tivo lugar no Centro Cultural da Deputación, ademais de público, amigos da CORAL, coralistas, Xunta de Goberno que preside Eladio Quevedo Almoina, estiveron presentes o Conselleiro de Educación e O.U. e Delegado en funcións, Celso Currás e Felipe Ferreiro, respectivamente, así como José Luis Baltar, Presidente da Deputación de Ourense.

Xosé Ramón Gayoso, presentador do coñecido programa Luar da TVG, convidou a CORAL a participar no devandito programa para presentar o seu novo traballo “Sempre De Ruada”.

Participación na inauguración da sala permanente dedicada, no Museo Municipal de Ourense, ó pintor e gravador ourensán Xulio Prieto Nespereira (co-fundador da CORAL DE RUADA). Presidiu o acto o alcalde de Ourense, Manuel Cabezas. Contou coa presenza do concelleiro de Cultura, José Araújo e outros concelleiros, da directora do Museo Municipal, Eva Torres, e do presidente da Deputación, José Luís Baltar.

Nova viaxe a terras andaluza, con actuacións no Teatro da Cidade Residencial Sol Andalusí e na Igrexa parroquial de San Sebastián (ambos en Alhaurín de la Torre), na Residencia San Carlos e no Hotel-Escola Convento de Santo Domingo de Archidona, e no Teatro María Cristina de Málaga.

2006 Unha representación da CORAL DE RUADA desprazouse ata Mondoñedo para participar na homenaxe dos coros galegos (tamén estaban representacións de Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, Cántigas da Terra da Coruña e o Real Coro Toxos e Froles do Ferrol, organizadores do acto) ó egrexio músico mindoniense Pascual Veiga, co gallo de cumprirse o centenario do seu falecemento.

Viaxe á localidade bretoa de Quimper para participar nos actos de irmandade entre os concellos de Quimper e Ourense. Na primeira xornada, o sábado 15 de xullo, a CORAL participou nun desfile polas rúas da localidade, xunto co grupo ourensán “Queixumes dos Pinos” e o bretón “Bagad Ar Re Goz”. No transcurso deste desfile, tódolos grupos (e DE RUADA, por suposto) tiveron actuacións na praza “Médard”, “Rúe de Mairie” e diante do “Hotel de Ville” (Casa do Concello). Posteriormente, xa dentro do Concello, a CORAL pechou o acto institucional interpretando varias cantigas e finalizando co “Ourense ó lonxe”. Pola tarde, a CORAL ofreceu un concerto de música popular na praza de “Saint-Corentin”, dentro dos actos de inicio do 83º Festival de Cornouaille. O intenso domingo comezou coa Misa celebrada na Catedral de SaintCorentin”, cantada pola CORAL. Ä tres da tarde concerto, compartido co coro masculino bretón “Mouezh Paotred Breizh”, na propia Catedral. E pola noite, apoteose final da estancia da CORAL DE RUADA en Quimper, xa que participou nun concerto ofrecido por Carlos Núñez no “chapiteau” do “Espace Gradlon”. En resumo, unha xira de extraordinario éxito por terras francesas.

O día 15 de decembro presentouse no Salón de Actos do Centro Cultural da Deputación (Edificio Simeón) un CD titulado “CORO DE RUADA Escena coral galega”, que recompila os 21 primeiros temas gravados polo entón denominado CORO DE RUADA, baixo a dirección de Daniel González, nos anos 1929 e 1950. O CD vai acompañado dun libriño cun resumo da historia da CORAL e un gran número de fotografías e ilustracións. No acto participaron Ramón Pinheiro, representante da casa discográfica Ouvirmos, Eladio Quevedo, presidente da CORAL, e José Luís Baltar, presidente da Deputación de Ourense. A CORAL pechou o acto cunha pequena escolma de cantigas polifónicas galegas e rematando co “Ourense ó lonxe”.

2007 A CORAL DE RUADA continuou coa súa actividade, ofrecendo concertos en Graíces (A Peroxa), Ourense, O Barco de Valdeorras, Vilanova dos Infantes, Oseira, Mera (Oleiros), Allariz, Matamá (Vigo), Ribadumia, Vila de Cruces, Bueu, Viveiro… , destacando as actividades seguintes: A Fundación Premios da Crítica de Galicia, xunto co concello e Balneario de Mondariz, no seu empeño por devolver antigos esplendores á Vila termal, organizaron unhas xornadas conmemorativas daquel 1920, cando o Gran Hotel do Balneario foi testemuña viva do ingreso na Real Academia Galega de dous egrexios galeguistas: o poeta cambadés Ramón Cabanillas e o dramaturgo ourensán Antonio Rey Soto. Toda unha festa das letras na que a actuación estelar correu a cargo da CORAL DE RUADA, que 87 anos despois volveu para encher coas súas voces os actos do serán en Mondariz Balneario. Os actos comezaron pola mañá no salón de plenos do Concello coa presentación dun libro editado por Ir Indo e escrito polo noso compañeiro coralistas e incansable investigador, Xaquín Vales, no que se rememora en letras de imprenta e profusamente ilustrado coas fotografías orixinais deses momentos os “Actos Académicos en Mondariz”, título da obra.

A agrupación Cántigas da Terra organizou o primeiro concerto do “III Ciclo de Coros Históricos de Galicia”, que contou coa participación de formacións con lenda como son a coruñesa Donaire, a nosa CORAL DE RUADA de Ourense e o organizadores, Cántigas da Terra da Coruña. A cita tivo lugar no teatro Rosalía e coincidiu co 90º aniversario de Cántigas da Terra.

Presentación da páxina web www.coralderuada.com e dun novo número da revista “Coral De Ruada".

CORAL DE RUADA organizou o “I Certame Internacional de Coros De Ruada” co patrocinio da Concellería de Cultura, Festas e Festival de Cine do Concello de Ourense, dentro da programación das festas do Corpus de Ourense 2007 e coa colaboración do teatro Principal. Neste primeiro certame, que desenvolveu ao longo de tres días, participaron os catro Coros Históricos Galegos (Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, Cántigas da Terra da Coruña, Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela e a CORAL DE RUADA) e os coros Coral Polifónica de Mera (A Coruña) e Orfeão de Vila Praia de Áncora (Portugal).

O presidente da CORAL DE RUADA, Eladio Quevedo Almoina acudiu á localidade de Soutelo de Montes para recoller o Diploma e Medalla Gaiteiro de Soutelo. Este premio, instituído hai 28 anos polo concello de Forcarei, concédese á CORAL DE RUADA “pola súa longa e frutífera traxectoria musical e pola súa divulgación do noso folclore tradicional”.

A CORAL DE RUADA foi homenaxeada por parte da Coral Rondalla “Os Afiadores” do barrio Ourensán do Vinteún, que festexaba o seu Vº aniversario.

A CORAL DE RUADA estreou o Himno a San Martiño, con letra do poeta e coralista Xosé Antón Laxe Martiñán e música do director da CORAL Juan José Rumbao Requejo, durante a Misa solemne do día de San Martiño, patrono de Ourense, celebrada na Catedral e oficiada polo bispo D. Luís Quinteiro Fiúza.

A Casa da Cultura de Allariz acolleu a presentación do libro “Quen beillaría iso?”. Unha obra escrita polo poeta ourensán Xosé Antón Laxe Martiñán, gaiteiro pertencente ao grupo instrumental de CORAL DE RUADA. DE RUADA pechou o acto coas súas cantigas.

2008 Ademais de diversas actuacións en Ourense (concerto dos Amigos no teatro Principal, concertos de Reis na Igrexa de Santiago na Ponte e de Nadal na Catedral), a CORAL DE RUADA continuou ofrecendo concertos por toda Galicia e viaxou de novo a Andalucía. Presentamos, a mediados de xaneiro, un novo número da revista “Coral De Ruada”, dedicada ao poeta ourensán José Ángel Valente. Participamos no solemne acto de inauguración das reformas do paraninfo do IES “Otero Pedrayo” de Ourense, coa asistencia do Presidente da Xunta de Galicia e de varias autoridades autonómicas, provinciais e locais.

Fomos convidados aos actos de clausura da exposición “A nosa voz. Cen anos de Himno” que se celebrou en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).

Viaxamos a Fuengirola (Málaga) para participar na “XIV Feria Internacional de los Pueblos” en representación de Galicia. Nesta feira internacional, que se celebrou nos primeiros días do mes de maio, participaron grupos de 35 países de todo o mundo e foi visitada por máis de 700.000 persoas.

Organizamos o “II Certame Internacional de coros De Ruada” co patrocinio da Concellería de Cultura, Festas e Festival de Cine do Concello de Ourense, dentro da programación das festas do Corpus de Ourense 2008. Neste segundo certame, que desenvolveu ao longo de dous días na Igrexa de Santa María Nai, participaron os coros: Coral Polifónica de A Garda (Pontevedra), Coral Polifónica de Betanzos (A Coruña), Coro do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro (Lugo) e a Coral de Pécs (Hungría).

Participamos nunha nova edición do Ciclo de Coros Históricos organizado por Cántigas da Terra de A Coruña no teatro Rosalía Castro da cidade herculina. O presidente da CORAL DE RUADA, acompañado por varios membros da Xunta de Goberno, acudiu de novo ao teatro Rosalía Castro de A Coruña, a finais de novembro, para recoller o premio IAR de folclore galego.

A mediados de decembro, acudimos ao teatro Jofre de Ferrol, convidados polo Real Coro Toxos e Froles, para celebrar un concerto no que participamos os catro Coros Históricos Galegos: Cántigas da Terra da Coruña, Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, DE RUADA e, por suposto, o coro anfitrión.

2009 O ano 2009 é un ano especial, xa que durante terán lugar unha serie de actos conmemorativos do 90º aniversario da presentación da CORAL DE RUADA ao público ourensán. Este acontecemento tivo lugar o 24 de xuño de 1919.

A primeiros de febreiro participamos nos actos de inauguración da X edición da feira gastronómica “Xantar” en Expourense.

Presentamos, a finais de marzo, un novo número da revista “Coral De Ruada”, dedicada ao ex-director da CORAL Isolino Canal Freire.

A primeiros de abril preséntase no Centro Cultural da Deputación o programa de actos para conmemorar o 90º aniversario da CORAL DE RUADA. No acto estiveron presentes os representantes das tres institucións que colaborarán na celebracións destes actos: José Luís Baltar (Deputación Provincial de Ourense), Isabel Pérez (Concellería de Cultura do Concello de Ourense) e Belma Fernández (Caixanova).

Participamos nos actos de homenaxe a Alexandre Bóveda celebrados, a primeiros de xuño, no paraninfo do IES “Otero Pedrayo” de Ourense. Neste mesmo acto, o coralista Xaquín Vales pronunciou unha conferencia titulada “Alexandre Bóveda, coralista”.

Organizamos o “III Certame Internacional de Coros De Ruada” co patrocinio da Concellería de Cultura, Festas e Festival de Cine do Concello de Ourense, dentro da programación das festas do Corpus de Ourense 2009, e a colaboración do teatro Principal. Neste terceiro certame, que se desenvolveu ao longo de catro días no teatro Principal, participaron os coros: Coro da Cidade de Vila Real (Portugal), Orfeão de Águeda (Portugal), Coral La Enseñanza (Valladolid) e os catro Coros Históricos Galegos: Real Coro Toxos e Froles (Ferrol), Cántigas da Terra (A Coruña), Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela) e a CORAL DE RUADA. Compre sinalar que no Concerto dos Amigos da CORAL DE RUADA, incluído na programación do Certame, foron convidados a dirixir os antigos directores Manuel de Dios, Bruno Fuentes, Javier Jurado e José María González, dos que soamente asistiron os dous últimos, non podendo facelo os dous primeiro por motivos de saúde e por motivos persoais, respectivamente. Ademais, colaboraron no concerto a ex-coralista Cristina Pato e os bos amigos da CORAL Manuel Brañas e Olga Brañas, do grupo Brañas Folk. Neste concerto concedéuselle a insignia de ouro da CORAL DE RUADA e o diploma de Coralista de Honra ao presidente de DE RUADA Eladio Quevedo Almoina.

O día 27 de xuño a Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario” trasladouse a Ourense para conceder a Medalla de Ouro “Marcial del Adalid” á CORAL DE RUADA. O solemne acto tivo lugar no salón de plenos da Deputación Provincial de Ourense.

Os días 4 e 5 de xullo a CORAL DE RUADA desprazouse á cidade portuguesa de Águeda, convidada polo Orfeão desa cidade -que está a cumprir o seu 93º aniversario-, para ofrecer un concerto, participar na homenaxe aos fundadores desa institución musical e participar tamén nas festas da cidade.

Presentación, o 9 de xullo, do novo traballo discográfico, de Brañas Folk titulado “Alalá do Cebreiro, no que participa a DE RUADA no tema “Canto das chirimías da Catedral de Santiago”.

A CORAL DE RUADA celebrou un dos actos principais dentro do seu nonaxésimo aniversario. O Centro Cultural da Deputación abriu as súas portas, entre o 3 e o 27 de setembro (pasaría ao Auditorio Municipal de San Francisco entre os días 4 e 27 de novembro), expoñer os recordos materiais que ao longo de 90 anos recompilou en cada unha das súas actuacións: unha exposición baixo o lema “Sete voces para a Coral De Ruada”.

2009-Actualidade: Dirección de Xoán Antón Vázquez Casas

2009 A primeiros de setembro o director Juan José Rumbao Requejo presentou a dimisión, que lle foi aceptada pola Xunta de Goberno agradecéndolle o seu longo período de dedicación a DE RUADA.

Para dirixir o concerto do 19 de setembro en Valladares (Vigo) que a CORAL tiña programado, pediuse a colaboración do ex-director José María González, que a brindou xenerosamente.

Aos poucos días faise cargo da dirección o profesor de Fundamentos de Composición do Conservatorio de Ourense Xoán Antón Vázquez Casas.

A Xunta de Goberno da CORAL, coa conformidade do novo director, nomea subdirector ao coralista Álvaro Iglesias Montes.

O novo director xa dirixiu a misa cantada na Catedral o día 2 de outubro, co gallo da festividade dos Anxos Custodios, pero, debido a que xa tiña compromisos adquiridos con anterioridade, non puido dirixir o concerto do 11 de outubro no teatro Rosalía Castro de A Coruña, debutando Álvaro Iglesias como subdirector.

O 17 de outubro foi o día do debut de Xoán Antón Vázquez nun concerto celebrado no teatro Principal da vila pontevedresa de A Estrada. A CORAL DE RUADA puxo o colofón ao acto de entrega do “Grelo de Ouro” na súa XXIII edición que a Fundación “Amigos de Galicia”, presidida por Jesús Bustos, concedeu a Manuel Fernández de Sousa-Faro, presidente de Pescanova. Ao final, os coralistas fixeron unha foto co Preside te da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Nova xira andaluza da CORAL DE RUADA, con memorables actuacións no teatro Joaquín Turina de Sevilla e na igrexa da Magdalena de Córdoba.

2010 A TVG emitiu o programa “Alalá”, dedicado exclusivamente a nosa CORAL, no que se puideron ver distintas entrevistas realizadas a membros da CORAL, ensaios, fotografías, libros, revistas e unha actuación gravada no paraninfo do IES “Otero Pedrayo”.

Presentación do “Premio Xabier Prado Lameiro” para premiar, de xeito simbólico, o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folclore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas. Na súa primeira edición foille concedido ao Real Coro Toxos e Froles de Ferrol.

CORAL DE RUADA cantou a misa na Igrexa dos Salesianos, co gallo da celebración da novena a María Auxiliadora, formando parte dos actos organizados con motivo dos 150 anos da fundación da congregación salesiana e dos 100 anos da súa presencia na cidade de Ourense.

A asociación Bela Auria nace en Ourense coa intención de crear unha festa de recreación histórica situada nos comezos do pasado século, dende os inicios até a guerra civil. Nesta primeira ocasión, a modo de experimento, situouse nos xardíns do Posío e no instituto Otero Pedrayo. É unha festa que cadra de cheo coa época en que naceu a CORAL DE RUADA e na que tivo xa grandes éxitos en Galicia, España e América, polo que, naturalmente, quixo estar presente nestes inicios da nova festa.A CORAL ofreceu un concerto no paraninfo do instituto Otero Pedrayo e despois participou nunha comida campestre no xardín do Posío, entre os monumentos a Xabier Prado “Lameiro”, un dos seus fundadores, e Valentín Lamas Carvajal.

CORAL DE RUADA celebrou no Teatro Principal o seu xa tradicional “Concerto dos Amigos”. Hai que destacar dúas novidades neste concerto: a participación do grupo de baile da CORAL que bailaron a Danza de Xuvencos e a Cantiga de Cego interpretada e dramatizada polo coralista, Raúl Cachaldora, recuperando así o baile e a representación teatral que en tempos formaba parte das actuacións de CORAL DE RUADA.

Organizamos o “IV Certame Internacional de Coros “De Ruada” coa participación dos coros: Apóstol Santiago (Vigo), Coral Isidoriana (León), Coral Polifónica de Berres (A Estrada) e Coral Polifónica de Viana do Castelo (Portugal). Os concertos foron seguidos por un numeroso público que enchía a igrexa de Santa María Nai.

Presentamos un novo número da nosa revista “Coral De Ruada”. A edición, que vai polo número 8, foi presentada na Deputación. A revista recolle un traballo sobre Alexandre Bóveda, descubrindo a súa faceta de coralista, que segundo o autor, Xoaquín Vales, comezou no “Orfeón Unión Orensana”.

No Paraninfo do IES “Otero Pedrayo”, CORAL DE RUADA gravou a “Foliada marmuradora”. Esta cantiga, que tamén foi gravada polos outros tres Coros Galegos Históricos (Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, Cántigas da Terra da Coruña e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela), formará parte do próximo traballo discográfico do grupo Treixadura que levará por título “Esa si que é muiñada”.

A véspera da festividade do Santiago Apóstolo, Patrón de Galicia, CORAL DE RUADA participou na espectacular gala televisiva que a TVG, da man do veterano presentador, Xosé Ramón Gayoso, transmitiu para Galicia e máis alá das nosas fronteiras dende o Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

Realizamos unha colaboración con Xosé Manuel Piñeiro na interpretación de “Preciso de ti” e despois co grupo de gaiteiros “Treixadura” -e cos Coros Galegos Históricos Real Coro Toxos e Froles de Ferrol e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela na interpretación da “ Foliada marmuradora”.

A CORAL DE RUADA participou nas XI xornadas de Danza e Música tradicionais galegas 2010, organizadas por Interfolk que tiveron lugar no Teatro Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova (antigo García Barbón) de Vigo.

Unha ampla representación institucional da CORAL DE RUADA participou nas xornadas inaugurais do “Día de Nós”, que pretenden iniciar unha serie de actos de carácter anual para lembrar a tódolos intelectuais, ourensáns na súa meirande parte, que publicaron a revista Nós. A CORAL DE RUADA forma parte da comisión organizadora.

O Ateneo de Ourense celebrou un acto de recoñecemento e homenaxe ao mestre, Amigo da Coral, Luis Taboada Camoeiras, falecido neste verán. O acto concluíu coa actuación da CORAL DE RUADA.

A CORAL DE RUADA desprazouse ata Santiago de Compostela para cantar a Misa do Peregrino. Dirixida por Xoán Antón Vázquez Casas, comezou co fermoso e impresionante “Canto das chirimías”, coa participación dos seguintes músicos: Luciano Pérez e Nuria Serrano, organistrum, Manuel Brañas, chirimía, Félix Castro, chirimía, Pancho Álvarez e Jesús Pérez Saburido, zanfonas, Cástor Castro, frauta de madeira, e Victoria Folgado, fagot. Como se pode apreciar, tratouse dunha interpretación histórica coa que DE RUADA e os músicos mencionados quixeron ofrecer un acto de homenaxe a Faustino Santalices no 50 aniversario do seu pasamento (finou o 6 de decembro de 1960).

A CORAL DE RUADA pechou o ano inaugurando o Belén de Maite Vázquez e ofrecendo o seu tradicional “Concerto de Nadal” no incomparable marco da Catedral de San Martiño repleta de público.

2011 A CORAL DE RUADA participou na solemne gala do “Luar” da TVG que facía o número 800, durante 19 anos de emisión. Foi unha actuación conxunta de CORAL DE RUADA, Cántigas da Terra da Coruña, Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela co grupo Treixadura, na que interpretamos “Foliada murmuradora”.

A CORAL DE RUADA organizou un festival benéfico para apoiar o labor de Cáritas. O acto tivo lugar no Teatro Principal. Contou coa presenza dos grupos Brañas Folk, Castro Floxo, Escola de Música Tradicional de Ourense, Aula Gomes Mouro e a propia CORAL DE RUADA que puxo o colofón a tan significativo acto.

A CORAL DE RUADA ofreceu un concerto no emblemático Círculo das Artes de Lugo, que contou co patrocinio da Fundación Novacaixa Galicia. Previamente os coralistas fixeron un pequeno desfile entre o Concello de Lugo e o Círculo das Artes que foi moi aclamado polo público das beirarrúas.

DE RUADA organizou o “V Certame Internacional de Coros de ruada”. Realizouse en dúas xornadas. Na primeira, no Teatro Principal, contou coa participación dos Coros Galegos Históricos Cántigas da Terra da Coruña e Real Coro Toxos e Froles de Ferrol. Na segunda, na Igrexa de Santa Eufemia do Centro, participaron a Coral Polifónica Estradense (Pontevedra) e o Coro da Cidade de Vila Real (Portugal). Un pouco antes da celebración da segunda xornada do V Certame Internacional de Coros “De Ruada”, a CORAL DE RUADA cantou a Misa do solemne funeral de aniversario que se celebrou na parroquia de Cristo Rei de Ourense por D. Victorino Núñez, Medalla de Ouro e Presidente Honorífico da CORAL DE RUADA e ex-presidente da Deputación de Ourense e do Parlamento Galego.

A CORAL DE RUADA participou no programa especial que a TVG ofreceu con motivo do Día de Galicia, conducido polo veterano presentador Xosé Ramón Gayoso. A CORAL DE RUADA interpretou a “Pandeirada de Falván”. Ademais participou, xunto co grupo de gaiteiros pontevedrés Treixadura, na interpretación da “Foliada marmuradora”.

A Deputación de Ourense serviu de escenario para a presentación do nº 9 da revista “Coral De Ruada” que conmemora o noso noventa aniversario. Xa pola tarde, a CORAL DE RUADA foi invitada a poñer o colofón cos seus cantos na inauguración do curso académico 2011-12 da UNED que tivo lugar no Centro de Desenvolvemento de Caixa Nova na Avenida de Pontevedra.

CORAL DE RUADA participou na Eucaristía de Acción de Gracias que se celebrou na Catedral de Ourense, pola canonización de Santa Bonifacia Rodríguez de Castro, fundadora das “Siervas de San José”.

Acto de entrega do “II Premio Xabier Prado Lameiro” ao grupo de danza ourensán Castro Floxo, colectivo que leva máis de tres décadas investigando, conservando e divulgando o noso folclore tradicional.

A CORAL DE RUADA sumouse ó programa de actividades en conmemoración de Nós. CORAL DE RUADA cantou a Misa na igrexa dos PP Franciscanos. Ao comezo da Misa, o vice-presidente Primeiro da CORAL, Emilio Rodríguez Portabales, pronunciou unhas verbas de lembranza, e homenaxe para os compoñentes da Xeración Nós.

Participación no festival de coros de música popular, CORALIMIA, organizado pola asociación cultural Aimil Folk de Xinzo de Limia. na igrexa parroquial nova de Santa Mariña.

Na Noiteboa, a TVG emitiu o programa “Isto si que é muiñada” na que participaron os grupos Treixadura, Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela e a CORAL DE RUADA. A participación de DE RUADA fora previamente gravada na beira do Miño.

2012 O sábado 11 de febreiro tivo lugar a ordenación episcopal, na S. I. Catedral, do novo bispo, Monseñor Leonardo Lemos Montanet. A CORAL DE RUADA, baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas, acompañados ao órgano pola profesora de órgano do Conservatorio de Ourense, Marisol Mendive, interpretou brillantemente a parte musical programada para tal solemnidade.

CORAL DE RUADA participou, unha vez máis, no programa “Luar” da TVG, que facía o nº 845 da súa larga andaina da man do veterano e prestixioso presentador Xosé Ramón Gayoso.

Convidados pola Coral Isidoriana, que estaba a celebrar o seu 50º aniversario, a CORAL DE RUADA viaxou a León para ofreceu un concerto no salón de actos do “Nuevo Recreo Industrial”. Con anterioridade ao concerto, os membros da CORAL DE RUADA realizaron un desfile dende o domicilio social da Coral Isidoriana, situado na Real Colegiata de San Isidoro, até o lugar do concerto, pasando polas rúas máis céntricas de León. Como detalle especialmente significativo debemos comentar que ao pasar polo monumento ao compositor ourensán Ángel Barja Iglesias, nos xardíns do Cid, a CORAL detívose en sinal de respecto e homenaxe e continuou posteriormente o seu desfile.

O Real Coro Toxos e Froles do Ferrol celebrou os seu 97 aniversario cunha gala no teatro Jofre, chea de lembranzas. A cita contou coa presenza da CORAL DE RUADA.

DE RUADA organizou o “VI Certame Internacional de Coros “De Ruada”. Realizouse en dúas xornadas. Na primeira, no Teatro Principal, contou coa participación de Cantares do Brión (Vincios, Gondomar, Pontevedra) e o Orfeão de Águeda (Portugal). A segunda tivo lugar na igrexa dos Franciscanos e contou coas intervencións do Coro Aimil (Xinzo de Limia) e Cántigas da Terra (A Coruña).

A CORAL DE RUADA estivo presente en Santo Domingo de Bonaval, na solemne cerimonia da entrega das Medallas Castelao 2012. Pechou o acto que foi transmitido en directo pola TVG, a CORAL DE RUADA coa interpretación do Himno Galego, baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas.

A Praza Maior de Ourense acolleu, dentro do programa das Festas de Ourense, a actuación de “Treixadura”, no que colaborou a CORAL DE RUADA. DE RUADA e Treixadura fixeron as delicias do público que enchía a Praza Maior.

Dobre saída a Portugal. A primeira a Águeda, onde, despois dun desfile polas rúas da cidade, a CORAL DE RUADA ofreceu un concerto no cine-teatro São Pedro. Asegunda foi en Vila Real de Portugal, para ofrecer un concerto no Pazo do Conde de Amarante, antigo goberno Civil, situado no centro da vila.

DE RUADA, no seu empeño de dar a coñecer as súas actividades e facilitar a incorporación de novos membros, decidiu iniciar a nova tempada con ensaios na rúa, concretamente na escalinata dos Xardíns do Padre Feijóo e na escalinata da Igrexa de Santa María Nai.

Acto de entrega do “III Premio Xabier Prado lameiro” ao Coro Galego Histórico Cántigas da Terra de A Coruña, celebrado no paraninfo do IES “Otero Pedrayo”.

A CORAL DE RUADA foi convidada a cantar a misa, oficiada polo bispo de Ourense, que se celebrou na Catedral co gallo da clausura do XLI Congreso Nacional das “Hospitalidades Nuestra Señora de Lourdes”.

A Aula de Órgano do Conservatorio Profesional de Música de Ourense chamarase no sucesivo “Aula Antonio Jaunsarás”. Un acto de homenaxe a Antonio Jaunsarás celebrado na festividade de Santa Icía, patroa dos músicos. Pronunciou unha conferencia o cóengo Xosé Ramón Estévez, prefecto de música da Catedral e cantou a CORAL DE RUADA un repertorio composto totalmente polo homenaxeado. É preciso sinalar que os ex-directores de DE RUADA, presentes no acto -Juan José Rumbao e José María González- dirixiron “Noite de luz” e “Adeste fideles”, respectivamente, invitados polo seu director, Xoán Antón Vázquez Casas.

2013 A CORAL DE RUADA ofreceu un concerto benéfico organizado pola asociación xuvenil Amencer. Tivo lugar no teatro do colexio de María Auxiliadora (Salesianos).

A CORAL DE RUADA viaxa novamente a Portugal, onde foi a convidada a dar un concerto na cidade de Barrô (Águeda).

DE RUADA organizou o “VII Certame Internacional de Coros de ruada”. Realizouse en dúas xornadas, as dúas no Teatro Principal. Na primeira contou coa participación da Coral Isidoriana de León, que cantou a misa na Catedral do día seguinte. Na segunda contou coas intervencións de Abertal de A Rúa de Valdeorras e Cántigas da Terra de A Coruña.

A CORAL DE RUADA estivo presente en San Domingos de Bonaval, na solemne cerimonia da entrega das Medallas Castelao 2013, coma un dos premiados con tan distinguido galardón.

Dentro das Festas de Ourense 2013, a CORAL DE RUADA organizou un espectáculo na Praza Maior, no que actuou a propia CORAL e o grupo de danza da Deputación Castro Floxo.

A CORAL DE RUADA puxo a nota musical no acto que tivo lugar en Esgos con motivo da inauguración do Centro Cultural “Parada Justel”.

Seguimos cos ensaios na rúa, nesta ocasión no barrio da Ponte, concretamente no comezo da Avenida das Caldas, e na escalinata da praza do San Martiño.

Acto de entrega, no teatro Principal, do “IV Premio Xabier Prado lameiro” á Asociación Ourensá de Folclore Tradicional (A.O.F.T.) – Escola de Música Tradicional “Gomes Mouro” de Ourense.

Este ano celébrase a terceira edición dos premios “Ourensanía” que concede a Deputación Provincial de Ourense. O galardón recaeu en Monseñor José Rodríguez Carballo, nomeado polo papa Francisco Secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica. A entrega tivo lugar nun acto no Mosteiro de Oseira, coincidindo co Dia de San Martiño. A CORAL DE RUADA participou na parte musical do acto.

Primeira viaxe a Canarias da CORAL DE RUADA: CORAL DE RUADA ofreceu un concerto no salón de actos da Casa de Galicia de Las Palmas, ao que asistiron o Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda. CORAL DE RUADA ofreceu outra actuación no Real Club Victoria a beneficio da obra social da Casa de Galicia de Las Palmas. Antes do concerto, DE RUADA realizou un vistoso desfile polo Paseo de las Canteras que foi moi ben acollido polos numerosos turistas de tódalas nacionalidades. Desprazamento ata a vila de Teror para cantar a misa maior no Santuario da “Virgen del Pino”, patroa de Canarias. Antes da misa, DE RUADA realizou un desfile polo pobo e, a petición do numeroso público que se atopaba no exterior do templo, cantou varias cantigas populares. Xa na misa, a CORAL cantou nos momentos máis axeitados e interpretou o “Himno a la Virgen del Pino”. Posteriormente, o presidente e a secretaria de CORAL DE RUADA, seguidos por tódolos coralistas, fixeron unha ofrenda floral no camarín da Virxe. Antes de abandonar o templo, por petición da xente que agardaba o final da cerimonia, DE RUADA tivo que interpretar varias cantigas que foron moi aplaudidas. Todos estes actos foron gravados pola TV canaria.

2014 Con motivo da Conferencia de Presidentes de Gobernos Provinciais que este ano se celebrou en Ourense a CORAL DE RUADA foi a encargada de inaugurar e por punto final ao acto de clausura deste importante acto institucional que tivo lugar no Teatro Principal de Ourense.

Co gallo do 45 Aaniversariodo CHOU, tivo lugar no local social da Asociación “El Cercano” un acto conmemorativo desta celebración. A CORAL DE RUADA foi a encargada de poñer a nota musical a dito acto.

DE RUADA ofreceu concertos solidarios a favos de Amencer e de ALCER.

A CORAL DE RUADA estableceu convenios de colaboración con varios centros escolares da cidade de Ourense co obxecto, a curto prazo, de dar a coñecer entre os máis novos o noso repertorio de música popular e polifónica e, a prazo máis longo, renovar as voces da CORAL. Estes centros, neste primeiro curso, foron: Colexio Padre Feijóo Zorelle, Colexio Miraflores e Colexio Concepción Arenal. No Concerto dos Amigos participaron dous deses colexios.

A CORAL DE RUADA actuou na Catedral de Ourense para ofrecer o concerto: “A Coral De Ruada e a Catedral de Ourense”. A actuación enmárcase no ciclo “Monumenta”, organizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia co obxecto de pór en valor o patrimonio inmaterial da historia ourensá.

O grupo Os Melidaos pecha as Festas de Ourense 2014 cun concerto celebrado na Praza Maior de Ourense. CORAL DE RUADA pechou o concerto de Os Melidaos interpretando xunto a eles tres cantigas.

A CORAL DE RUADA ofreceu un concerto na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela para os “Caballeros de la Orden del Camino de Santiago” que estaban a celebrar o “XVIII Capitulo Xeral da Orde”.

Seguimos cos ensaios na rúa. Nesta ocasión foron nas escalinatas da Santa María Nai, na Praza Maior, e no inicio da avenida das Caldas, no barrio de A Ponte.

Acto de entrega, no teatro Principal, do “V Premio Xabier Prado Lameiro” á Asociación Cultural Xacarandaina de A Coruña.

A Rúa da Paz celebrou unha xornada de convivencia reunindo a residentes e antigos propietarios dos comercios da mesma, co que pretenden dar un recoñecemento a unha das rúas historicamente máis importantes da cidade. A CORAL DE RUADA, como veciño da mesma, participou en dito acto ofrecendo unhas cantigas.

"Carmiña, flor de Galicia" é un filme mudo de 1926, dirixido polo italiano Rino Lupo, que narra o triángulo amoroso entre unha moza aldeá galega, un humilde campesiño e o señor do lugar. A CORAL DE RUADA retrocede 87 anos no tempo e emulará a actuación que protagonizou no ano 1927 no Teatro Principal no que a CORAL ilustrou musicalmente en directo a proxección do filme.

A Deputación de Ourense entregou á viúva do historiador e dinamizador cultural Marcos Valcárcel a Medalla de Ouro da Provincia a título póstumo. A CORAL DE RUADA foi a encargada de abrir e pechar o acto. Para abrilo interpretou “Ourense ao lonxe” e para pechalo o himno provincial “Ourense no Solpor”.

2015 Participación na misa cantada na Catedral, presidida polo bispo de Ourense, con motivo do bicentenario do nacemento de Don Bosco.

Concerto no salón de actos da Deputación de Lugo dentro das Xornadas de Coross Históricos celebradas co gallo co centenario do coro lucense Cántigas e Aturuxos.

Presentación do Himno da U. D. Ourense, con letra do noso vice-presidente Emilio Rodríguez Portabales e música do noso director Xoán Antón Vázquez Casas. Foi gravado pola CORAL DE RUADA nos salón de actos da Biblioteca coa colaboración dos membros da Asociación Ourensá de Folclore Tradicional-Gomes Mouro. Tanto DE RUADA coma os autores de letra e música cederon, de forma totalmente desinteresada, os dereitos ao club ourensán.

Participación na Romaría Etnográfica Raigame 2015, en homenaxe a D. Adolfo Enríquez Méndez, o párroco asasinado.

Participación na inauguración do roteiro de Alexandre Bóveda.

Colaboración nos Actos da Cultura Galego-Portuguesa 2015. Concretamente, DE RUADA participou en Amarante (Portugal) acompañando musicalmente a proxección do filme “Carmiña, flor de Galicia”.

DE RUADA organizou o “IX Certame de ruada”. Realizouse en tres xornadas. Na primeira, na Catedral de Ourense, contou coa participación do Coro de Pécs (Hungría). A segunda, no Auditorio Municipal, contou coa participación da CORAL DE RUADA e os coros infantís dos colexios CEIP Curros Enríquez, Colexio Miraflores e Colexio Padre Feijóo-Zorelle. A terceira consistiu nun concerto na Praza Maior a cargo de Cántigas da Terra de A Coruña, AOFT-Gomes Mouro de Ourense e a CORAL DE RUADA.

O tradicional Concerto dos Amigos deste ano, celebrado no teatro Principal, foi especial porque consistiu no acompañamento musical do filme “Carmiña, flor de Galicia”.

A CORAL DE RUADA participou, de xeito totalmente desinteresado, nun Festival Benéfico no Auditorio do Carballiño a prol da Cruz Vermella desa vila ourensá.

Participación no programa “Luar” nº 1000 da TVG.

Acto de entrega, no Liceo, do “VI Premio Xabier Prado Lameiro” ao grupo Abertal de A Rúa de Valdeorras (Ourense).

A CORAL DE RUADA participou no acto de “Restauración da Memoria Lingüística” no cemiterio de San Francisco. Durante o acto tamén se lle rendeu homenaxe a Xabier Prado “Lameiro”, un dos fundadores da CORAL. DE RUADA correu coa parte musical do acto, pechando coa interpretación do Himno Galego.

Participación no programa “Aquí Galicia” da TVG, co gallo da celebración da feira “Celebra” en Expourense.

A CORAL DE RUADA puxo a parte musical ao solemne acto de entrega do Premio Ourensanía a Mariluz Barreiros, filla de Eduardo Barreiros. DE RUADA puxo o colofón ao acto interpretando “Ourense ao lonxe” e “Ourense no solpor”, do noso exdirector Manuel de Dios.

Participación nos actos do “III Encontro Cívico” dos comerciantes e veciños da rúa da Paz.

A CORAL DE RUADA acompañou ao emblemático grupo folk galego “Luar na Lubre” na presentación en do seu novo CD “Extra:Mundi”. O acto tivo lugar no teatro Principal de Ourense, que tivo que colgar o cartel de “entradas esgotadas”.

A CORAL DE RUADA recibiu da Asociación Ourensá de Folclore Tradicional Gomes Mouro o premio “Orgullo Gaiteiro” nun entrañable acto que tivo lugar no Auditorio Municipal de Ourense.

2016 A CORAL DE RUADA acompañou ao emblemático grupo folk galego “Luar na Lubre” na presentación en do seu novo CD “Extra:Mundi” nos teatros García Barbón de Vigo e Rosalía Castro de A Coruña, que, en ámbolos dous casos, tiveron que colgar o cartel de “entradas esgotadas”.

Levamos o espectáculo “Carmiña, flor de Galicia” a A Rúa de Valdeorras.

A CORAL DE RUADA participou no acto institucional do Parlamento de Galicia que celebraba o 35º Aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Participamos no Abril Oteriano cantando a misa na capela do Santo Cristo da Catedral de Ourense, con motivo do 40º aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo.

Celebramos un acto de homenaxe, no salón nobre do Liceo de Ourense, ao noso ex-presidente e presidente de Honra, Eladio Quevedo Almoina.

Participamos nun Concerto Solidario pro ACNUR no Auditorio Municipal de Ourense.

Participamos, xunto cos outros tres Coros Galegos Históricos, no concerto celebrado no teatro Rosalía Castro de A Coruña co gallo do “Centenario da fundación das Irmandades da Fala”, organizado pola Real Academia Galega.

DE RUADA organizou o “X Certame de ruada” que trouxo ao salón nobre do Liceo á Coral do Liceo de Ourense e á histórica Coral Polifónica de Pontevedra.

Celebramos un Concerto dos Amigos especial para a presentación do noso novo CD-DVD “De Ruada entre Amigos” que contou coa participación de Asociación Ourensá de Folclore Tradicional-Gomes Mouro, Os Melidaos e os coros infantís dos colexios: CEIP Irmáns Villar, CEIP Curros Enríquez e Colexio Padre Feijóo-Zorelle.

Participamos nun festival benéfico Pro-Vítimas do terremoto en Ecuador, organizado polo misioneiro ourensán Manuel Rodicio, celebrado no teatro Principal.

Realizamos unha viaxe a Tours (Francia) para unirnos á peregrinación diocesana de Ourense con motivo do 1700 aniversario no nacemento de San Martiño de Tours, patrón de Ourense. DE RUADA cantou a misa oficiada polo deán da Catedral de Ourense, José Pérez Domínguez, na cripta da Catedral de San Martiño da cidade francesa onde, ao remate, ofrecemos un pequeno concerto aos asistentes. Desta acontecemento, e da participación da CORAL DE RUADA no mesmo, quedou constancia gravada nunha das pedras da cripta.

Volvemos participar nos actos do “III Encontro Cívico” dos comerciantes e veciños da rúa da Paz.

Acto de entrega, no Liceo, do “VII Premio Xabier Prado Lameiro” ao Coro Galego Histórico Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.

Organizamos as xornadas “Lembrade Nós”, durante as que celebramos unha misa cantada pola CORAL na igrexa dos Franciscanos en memoria dos compoñentes da Xeración Nós, realizamos unha visita guiada -por Afonso Vázquez-Monxardín- ao cemiterio de San Francisco e ofrecemos un concerto no salón nobre do Liceo de Ourense no que, ademais da CORAL DE RUADA, participaron os grupos Abertal de A Rúa de Valdeorras e o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol.

DE RUADA cantou a Misa do San Martiño conmemorativa do 1700 aniversario do nacemento do Santo Patrón de Ourense. Presidiu a celebración o bispo de Ourense e concelebraron os bispos de Galicia, Astorga e Norte de Portugal, o clero capitular, os Vigairos Xerais de Galicia, os Deáns de Mondoñedo, Tui-Vigo e Lugo, os arciprestes da diocese de Ourense e máis de 70 sacerdotes diocesanos. Foi televisada en directo para toda España pola cadea 13TV.

A CORAL DE RUADA puxo a parte musical ao solemne acto de entrega do Premio Ourensanía a José Sousa Gómez, produtor de cine afincado en Venezuela. DE RUADA puxo o colofón ao acto interpretando “Ourense ao lonxe” e “Ourense no solpor”, do noso ex-director Manuel de Dios.

2017 A CORAL DE RUADA acompañou ao emblemático grupo folk galego “Luar na Lubre” na presentación en do seu novo CD “30 Aniversario” no programa “Luar” da TVG e no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela, que rexistrou un cheo completo. Tamén neste novo CD colaborou DE RUADA; foi na cantiga “Fonte do Araño”, de Emilio Cao, na que tamén colabora o cantautor estremeño Ismael Serrano.

No teatro Principal de Ourense celebrouse un concerto baixo o título “Óscar Ibáñez, Tribo + Convidados”, organizado polo gaiteiro pontevedrés Óscar Ibáñez e no que, como o seu título indica, participaron varios convidados, entre eles a CORAL DE RUADA.

Participación na visita ao cemiterio de San Francisco para participar no “II Abril Oteriano”. DE RUADA cantou ao inicio da visita e durante a mesma.

Co gallo do día das Letras Galegas 2017, a CORAL DE RUADA tivo unha dobre participación: pola mañá, acto institucional na praza do Bispo Cesáreo para a descuberta da placa homenaxe ao escritor ourensán Carlos Casares, obra do escultor Xosé Cid; pola tarde, o Consello da Cultura Galega organizou, no Auditorio Municipal de Ourense, un concerto da Real Filharmonía de Galicia e o Coro novo da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixidos por Maximino Zumalave, dedicado ao escritor ourensán Carlos Casares. DE RUADA participou no remate coa interpretación conxunta do Himno de Galicia.

Acudiu, unha vez máis, á Catedral de Ourense, onde tivo lugar unha Misa solemne oficiada polo bispo da diocese, monseñor Leonardo Lemos Montanet, co gallo da visita á nosa cidade e provincia da “Guardia Real”. DE RUADA cantou a Misa, finalizando co Himno de San Martiño composto polos cóengos da Catedral ourensá Xosé Ramón Estévez Gómez e Serafín Marqués Gil, autores da música e letra, respectivamente.

A CORAL DE RUADA ofreceu un concerto no Teatro Municipal Benevivere da vila leonesa de Bembibre, dentro do “XIII Encuentro de Corales Villa de Bembibre”.

DE RUADA organizou o “XI Certame de Ruada” que, ademais da Romaría de Oseira, programou o Concerto dos Amigos no teatro Principal -coa participación dos coros infantís dos colexios ourensáns CEIP Irmáns Villar, CEIP Curros Enríquez e Padre Feijóo–Zorelle- e levou á praza de San Martiño un concerto de música popular galega a cargo dos grupos Abertal de A Rúa de Valdeorras, Real Coro Toxos e Froles de Ferrol e a propia CORAL DE RUADA.

A CORAL DE RUADA viaxou á vila coruñesa de Herbón para participar no XXV Aniversario da AGACS (Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago). Na igrexa do Mosteiro cantou a misa e ofreceu un concerto.

A CORAL DE RUADA viaxou de novo a Portugal, concretamente á vila de Seia, na Serra da Estrela, para participar na IV edición dos Concertos de Outono, ofrecendo un concerto na igrexa de Valezim e outro no auditorio da Casa Municipal da Cultura.

Participación, xunto cos outros tres Coros Galegos Históricos, no Encontro Folclórico celebrado na praza da Catedral de Mondoñedo co gallo de As San Lucas 2017.

Convidados pola histórica Coral Polifónica de Pontevedra, DE RUADA ofreceu un concerto no teatro Principal da cidade do Lérez, no que tamén colaborou o gaiteiro pontevedrés Óscar Ibáñez.

A CORAL DE RUADA puxo a parte musical ao solemne acto de entrega do Premio Ourensanía ao que fora emblemático porteiro do Real Madrid e da Selección Española de Fútbol Miguel González Suárez. DE RUADA puxo o colofón ao acto interpretando “Ourense ao lonxe” e “Ourense no solpor”.

Participación nas misas do San Martiño e de clausura dos actos do 1700 Aniversario do nacemento do Santo -televisada pola TVG-, celebradas ámbalas dúas na Catedral de Ourense.

A Deputación Provincial de Ourense e a CORAL DE RUADA chegaron a un acordo para a celebración de varios concertos pola provincia baixo a denominación de Concertos da Ourensanía. Entre o 31 de outubro e o 30 de decembro, DE RUADA ofreceu concertos en: Cartelle, A Peroxa, O Barco de Valdeorras, Montederramo, Celanova, Vilamarín, Castrelo de Miño, Xinzo de Limia, Bande, Viana do Bolo e Cea. Un reto que soamente unha agrupación tan consciente do seu relevante papel na cultura ourensá como DE RUADA é quen de afrontar, sobre todo tendo en conta que, simultaneamente, levou adiante os seus compromisos habituais (concerto en Pontevedra, misa de San Martiño e Ourensanía, concerto en San Cibrao das Viñas, colaboración con “Luar na Lubre” en A Coruña, concertos de Nadal e Reis...).

2018 A CORAL DE RUADA participou no solemne acto, celebrado no salón de plenos da Deputación, de concesión da Medalla de Ouro da provincia de Ourense, a título póstumo, ao celebrado escritor ourensán Carlos Casares.

DE RUADA participou no acto de homenaxe, celebrado no salón nobre do Liceo, ao poeta ourensán e ex-coralista Eduardo González Ananín.

Unha vez máis a CORAL DE RUADA gravou catro temas para o novo CD dedicado á Ribeira Sacra que “Luar na Lubre” está a preparar. Dáse a circunstancia de que DE RUADA xa participara nos dous anteriores CD da mítica banda folk galega. Nesta ocasión, a gravación tivo lugar no fermoso paraninfo do IES “Ramón Otero Pedrayo”.

A CORAL DE RUADA viaxou por primeira vez na súa historia a Estremadura, concretamente á vila cacereña de Trujillo, para ofrecer un concerto na súa praza Maior dentro do festival folclórico “Chíviri”.

O xurado do Premio Trasalba, auspiciado pola Fundación Otero, acordou por unanimidade conceder o Premio Trasalba 2018 á CORAL DE RUADA.